Arquivo

Archive for 05/05/2020

José Antonio del Valle-Inclán y de los Santos.

José Antonio del Valle-Inclán y de los Santos.

Miguel Inclán

Miguel Inclán, tío de José Antonio del Valle-Inclán

José Antonio del Valle-Inclán Santos naceu o 12 de xuño de 1749 en Ruanova freguesía de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán), descoñezo o día e ano do seu pasamento. Era o bisavó do grande e universal escritor Don Ramón del Valle-Inclán Peña.

José Antonio fora apoderado de Miguel Canaval Araújo, veciño da cidade de Cuzco (Perú), casou con Juana Malvido, sobriña de Rosa Malvido, esposa de Miguel de Inclán, herdeira do morgado do Pazo de Ruanova. Algúns historiadores sosteñen que foi estudante en Compostela ao carón do seu irmán Francisco del Valle-Inclán e estivo hospedado no Colexio de San Clemente, pero non atopei ningún documento que certifique esa información, que no dubido que sexa correcta.

estatuas en ruanova de miguel inclán e rosa malvido

Estatuas no Pazo de Ruanova de Miguel Inclán e Rosa Malvido, tíos de José Antonio

O 5 de Setembro de 1798, José Antonio del Valle-Inclán Santos, veciño da freguesía de San Martiño de Sobrán, negouse a recoller a mordomía da Confraría do Santísimo Sacramento que aquel ano lle correspondía exercer en virtude dos turnos fixados para toda a veciñanza. Algunha liorta debeu ter co crego, porque solicita a exclusión como veciño de Sobrán para pasar a pertencer á freguesía de San Lourenzo de András.

Miguel del Valle-Inclán de los Santos.

Miguel del Valle-Inclán de los Santos.

Miguel del Valle-Inclán de los Santos naceu en Vilaxoán o 18 de agosto de 1744 e finou o 17 de febreiro de 1789.

Miguel del Valle-Inclán, polas pescudas que atopei sobre a súa andaina, rematei por bautizalo como o “crego crápula”, quería vestir os hábitos, pero semella que non tiña vocación abondo e acadou ser crego . Cursou os seus estudos na Universidade de Santiago e foi o seu irmán Francisco quen logrou o permiso necesario para instalalo no Colexio de San Clemente xunto a un sobriño de nome Francisco Rubianes, fillo da súa irmán Dominga del Valle-Inclán e de Antonio Rubianes Franco, natural de Carril.

Foron tantos os líos que montou Miguel, e tantas as falcatruadas que realizou, que as autoridades académicas tomaron unha decisión realmente difícil: expulsar a ambos irmáns Valle do Colexio de San Clemente.

A película dos feitos comeza can

partida de bautismo onde se confirma as ordes de Miguel del valle

Acta de bautismo do seu sobriño Juan Manuel, onde Miguel del Valle-Inclán fai o oficio.

do o Secretario de Capelas e Presbítero de San Clemente, Benito Bernardo de Porto, a persoa encargada do cumprimento das normas que rexían á devandita institución universitaria, fixo unha escrita sobre un escándalo que aconteceu no cuarto que compartían no Colexio Miguel del Valle-Inclán e Francisco Rubianes.

P1000338

Pazo de Ruanova, a torre do colexial e a capela de San Miguel

O día 19 de Novembro de 1774, Benito Bernardo de Porto xura ante o Reitor Pertierra que foi testemuña da entrada dunha muller no Colexio despois do toque de oración e que encamiñou os seus pasos cara o cuarto de Miguel del Valle. Non rematou aí a cousa. Un día bateu con ela na Porta da Adega, ocasión que aproveitou para lle preguntar que facía alí; ela mantivo un prudente silencio, pero despois animouse, e, tras declarar que era natural do porto de Vilaxoán, díxolle que estaba agardando por Don Miguel. Comentou que estaba preñada, que durmira unha morea de noites co colexial en San Clemente e tamén que tiñan pensado casar cando o seu amante abandonase os estudos relixiosos.

P1000340

Torre do colexial e a capela co San Miguel na horcina

A declaración de Benito Bernardo de Porto debeu deixar abraiado ao Reitor porque discorreu por rumbos inesperados. O cuarto de Miguel del Valle-Inclán no Colexio de San Clemente era unha especie de verbena interminable con “efecto chamada” sobre soldados de uniforme que botaban as tardes empinando o cóbado e fumando na grata compaña do estudante. Unha noite o escándalo foi de órdago: alí estaban os soldados, un deles apelidado Ferrín, Miguel del Valle e varias prostitutas, todos entregados ao baile e a cantarela. Na noite posterior ao día de Santiago Apóstolo de 1774, Benito Bernardo de Porto veu como Don Miguel meteu no Colexio a unha moza que resultou ser de Padrón, e a maiores de mala reputación.

A declaración transcurriu en parellos termos: que se o cuarto de Miguel del Valle-Inclán parecía máis ben unha taberna, que se botaban tardes enteiras bailando o naipe, en especial ao xogo do trinta e un, que sobre a mesa tiñan botellas de viño a todas horas, que o seu estado era máis ben enchispado, que alporizaban á comunidade berrando polos corredores, que saían polas noites portando espadas grazas a que posuían unha chave da “porta falsa”…

P1000351

Parte Este do Pazo

Cando aconteceron estes feitos, o seu irmán Francisco ficaba en Madrid, mais a distancia non lle impediu coñecer o escándalo que se produciu no Claustro do día 26 de Agosto de 1774, cando se deu a coñecer a situación que, aproveitada con habilidade polo Reitor Pertierra, serviu para boicotear o proxecto de establecer a “Biblioteca Pública” e lograr máis adiante que se abrise un expediente de expulsión do Colexio de San Clemente contra ambos irmáns cando o Fiscal encargado do caso negoulles o dereito a continuaren ocupando o cuarto. Mais os irmáns Valle lograron zafar porque a resolución necesitaba da sanción final do Consello, e este non resolveu ata o 12 de Xaneiro de 1779.

P1000349

Escudo que atópase na parte norte do Pazo

Despois de ler esta historia, comprenderán que se Miguel del Valle-Inclán foi ordenado finalmente sacerdote, o Espírito Santo tivo algo que ver. Algúns historiadores que non gastan os seus ollos en ler documentos de complicada letra, ou, talvez, encargan traballos a bolseiros mal pagos, negan que Miguel tomara as ordes relixiosas, mais temos constancia da existencia de dous documentos que nos permiten refutar esa tese: son dúas actas de bautismo, unha do seu sobriño, Juan Manuel Del Valle, na que actúa en Sobrán o 9 de Febreiro de 1783 como Ministro do Señor na imposición do sacramento, e outra de Isabel Antonia del Valle-Inclán, que naceu na Ruanova e foi bautizada en Sobrán o 2 de Xuño de 1786, na que Don Miguel apadriña a súa sobriña: “… fue su padrino D. Miguel del Valle-Inclán presbítero, tío paterno…”. Unha neta da devandita Isabel Antonia, de nome Flora Domínguez Ximeno del Valle-Inclán, foi a X Marquesa consorte de Vilagarcía, e estaba casada con Rodrigo Barrio.

Non lles parece que Don Farruquiño, o persoaxe de Ramón del Valle-Inclán que aparece na triloxía das “Comedias Bárbaras”, ten un eco de Miguel del Valle-Inclán? Canto menos, xusto é recoñecelo, ambos carecen de vocación sacerdotal.

Teo Cardalda Fernández